Boy Elliott & The Plastic Bags

Location:
Ourense, ES
Type:
Artist / Band / Musician
Genre:
Powerpop / Indie / Rock
Site(s):
Label:
Rubik Estudios
Daniel Alonso comeza a súa traxectoria musical á idade temperá dos 13 anos e despois de pasar por diferentes bandas xorden os Blood Filloas, que chegan a abrir algúns concertos dos seus ídolos: The Posies, White Flag, Sex Museum, Los Enemigos, Vancouvers. e realizan unha xira por España e Francia coa banda de power pop australiana DM3, colaboran co medio audiovisual, para o que achegan a canción e o seu correspondente videoclip "Superheroe" –para o espazo televisivo “Xabarín Club” da TVG– ou a sintonía do magazine musical "Gorevision" para a ferrolá TV de Narón. Contribúen ademais na banda sonora da curtametraxe "The End", de CAAlonso, e na longametraxe "Killer Barbies" do mítico Jesús Franco. No ano 1997 e por circunstancias alleas ao grupo, os Blood Filloas vense na obriga de desaparecer.

En xuño de 2000, Dani emigra a Dublín (Irlanda), onde continúa compoñendo e dedica horas mortas a correr a “gorrazos” moitas pantasmas persoais. Dende alí embárcase nunha odisea que o levará a Hong Kong, Indonesia, Australia, Nova Zelandia e California. É durante este periplo cando desaparece Dani Filloa e nace Boy Elliott; acontece en Sydney (Australia) en xaneiro de 2001. Un amigo inglés bautízao así por unha estraña conexión entre os dous trotamundos: a súa veneración por Elliott Smith e Badly Drawn Boy. É verán, época propicia para todo tipo de excesos humanos e divinos; Dani Elliott volve a Galicia, grava a súa primeira maqueta e debuta en Limodre (Fene, A Coruña) durante a sesión vermú do Felipop 2002. Durante este tempo aséntase en Ourense cidade, onde saca tempo para seguir facendo gravacións caseiras de todo o que estivera fecundado anos atrás. No Nadal de 2003 actúa de novo no Felipop de Inverno. Estamos no ano 2004, chegou un momento longamente esperado: arranca o "Boy Elliott On The Road Again: Galician Rural Tour" e actívase a web oficial do músico: http://www.boyelliott.com .

En novembro dese mesmo ano, autoedita unha nova maqueta: o seu título é "Kings Cross DemoN", grava a banda sonora da peza "Nunca máis? de CAAlonso para a longametraxe de episodios "Hai que botalos" e segue traballando co seu compañeiro Óscar Quant, no proxecto deste último, Quant. En setembro de 2005, Dani Alonso a.k.a. Boy Elliott gaña o III Concurso de Cantautores que se celebra en Ourense. E en decembro dese mesmo ano, colabora de novo cos seus camaradas Quant no videoclip "Girls, girls, girls", dirixido por Rubén Coca. Corre 2006. A historia repítese e por segunda vez na súa vida, Boy Elliott ten a sorte de abrir o concerto de Dom Mariani (The Stems / DM3). Aínda que non só ten esa sorte, tamén toca con Jon Auer (The Posies / Big Star) e Paul Collins. Durante o ano 2007, Boy Elliott segue dando concertos por toda Galicia e Asturias.

No 2008 empeza a colaborar con The Plastic Bags e participa na recompilación homenaxe a Andrés do Barro "Manifesto Dobarrista" co tema "Por non poder". Intervén no programa “Extrarradio” da Radio Galega, onde toca en rigoroso directo tres cancións: "Dolphins" (Fred Neil), "Por non poder" (Andrés do Barro) e "Stay away" (Boy Elliott). A partir de setembro deste ano retómase a idea da banda e xúntanse Boy Elliott & The Plastic Bags, Marcos Bag de Annie Hall ao baixo e Plastic Gus na batería cun puñado de novas cancións (“Stay away”, “Another Liar has come to town”, “Planeta 19”, “No mirar atrás”, “Straiht back to the hell”) e algunha versión de moi diferente pelaxe como "Dolphins" de Fred Neil o "Tears are in your eyes" de Yo La Tengo, con só un concerto ás súas costas e compartindo escenario con Los Santos e The Homens En paralelo, Boy Elliott en solitario queda 4º no concurso Indiecanciones da sala madrileña Contraclub, e en agosto de 2008 Boy Elliott & The Plastic Bags conseguen o Premio do Xurado no Apologhit 2008, organizado pola Radio Galega e o xornal dixital Vieiros, e son seleccionados por iso como representantes de Galicia no Liet Lavlut, Euro-Festival de Linguas Minorizadas (Laponia sueca).
0.02 follow us on Twitter      Contact      Privacy Policy      Terms of Service
Copyright © BANDMINE // All Right Reserved
Return to top